Nacido na casa número 14 da calle de San Roque de Celanova, era fillo do escritor Xosé María de Curros Vázquez (de Santiso-Melide) e de Petra Enríquez (de Vilanova dos Infantes).
Asistiu á escola de don Manuel Rebollo e cando estivo preparado tivo que axudarlle a seu pai como escribente. En 1866 marchou cara a Madrid, á casa do seu irmán Ricardo, onde fixo o bacharelato e comezou a estudar dereito aínda que non rematou.
Participa na Revolución de 1868 que derroca a Isabel II o cal fai que asuma os ideais democráticos. Dende 1871 viviu con Modesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez (natural de Pobra de Seabra), coa que tivo un fillo en 1873 e coa que casa no 1877 aínda que se acabara divorciando máis tarde. En 1873 comezou a súa carreira xornalística ao ingresar na Gaceta de Madrid e ao ano seguinte entra en El Imparcial, para o que cubriu, entre decembro de 1875 e febreiro de 1876, a terceira guerra carlista escribindo as Cartas del Monte. Sucedeulle na tarefa outro correspondente, Fauró, tras ser ferido de bala por un axudante do brigadier Mariné con quen compartía habitación segundo relata no tomo III o recopilador das súas obras completas para a Casa editorial Perlado, Páez y C.ª, Sucesores de Hernando (Madrid, 1910).
No 1877 gaña un certame poético en Ourense cos poemas Unha boda en Einibó, O Gaiteiro de Penaltra e " A Virxe do Cristal ". Esta vitoria determinouno como poeta galego. Curros establécese en Ourense e traballa na Intervención da Administración Económica (Facenda).
Lemos para entender, ou para comezar a entender. Non temos máis remedio que ler. Ler, case tanto coma respirar, é a nosa función esencial. Alberto Manguel