José Castro González, máis coñecido polo alcume de Chané, nado en Santiago de Compostela o 18 de xaneiro de 1856. Foi catedrático de Belas Artes na Coruña, pero malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra foi suprimida, polo que emigrou a Cuba en 1893. Na Habana dirixiu o orfeón Ecos de Galicia, co que acadou grandes éxitos. Na capital cubana o músico tivo unha estreita relación co poeta Curros Enríquez, musicando varios textos da súa autoría, sendo "Unha noite na eira do trigo" a que acadou máis sona.
Tamén foi profesor de música do Centro Galego da Habana, pero en xullo de 1895, durante os exames realizados nesta institución, mantivo un enfrontamento con Vicente Fraiz Andón, presidente do tribunal, que motivou a súa saída do plantel do Centro Gallego.
Na Habana participou en entidades galegas como a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia ou a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, da que foi secretario, sendo con posterioridade académico electo da Real Academia Galega.
Regresou á Coruña en agosto de 1907, sendo obsequiado pola intelectualidade galega cun gran banquete, presidido por Emilia Pardo Bazán, que contou coa asistencia de Ramón Armada Teixeiro, Manuel Lugrís Freire, Xosé Martínez Fontenla (que fora alcalde da cidade), Xoán Neira Cancela e distintos directivos de orfeóns galegos.
Regresou á Habana, onde seguiu compoñendo e tocando. A súa derradeira composición foi "A lúa de Cangas", estreada polo orfeón Ecos de Galicia nunha velada en honra ao poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz.
Finou en xaneiro de 1917, e os seus restos foron trasladados á Coruña, onde chegaron o 4 de marzo, para ser soterrado no camposanto da cidade, contando o seu funeral cunha numerosa asistencia.